viernes, 25 de enero de 2008

¡ Aqueles Antroidos de Chanteiro !


En Chanteiro fanse algunhas cousas. Pero xa non é o entrañable de antes.

Se foi moito para atrás, sobre todo en poboación autóctona e tamén en certos aspectos como servizos, festas e lecer.

Baste recordar que a romaría da Mercé era de renome en toda a comarca.
.
Recordamos que polos anos cincuenta do século pasado, había dous salóns de baile. Logo quedou soamente "La Palmera".

Había moita mocidade e o salón estaba abarrotado, porque tamén viña xente de Mugardos, A pedreira, Ares, Cervás e moitos soldados dos destacados en Montefaro, A Palma, Coitelada e Segaño.
Estaban as tabernas de "Filomena", "Dolores de Peinado" (logo "Pitón"), "Bar de Emilio", "A Lareira de Chanteiro" e despois a "Casa de Manolita" e "La Parra" no rueiro das Penas.

¡Todo un ambientazo!
Non se ía moito á praia, iso é verdade. Pero todo foise en decadencia.

Tamén os entroidos.
O Antroido duraba ata catro semanas e tiña unhas datas moi sinaladas, como o día de comadres e o de compadres. Sábado e Domingo e resto da semana ata chegar ao outro domingo de Piñata.
.
O pobo, novos e maiores gozaban de forma espontánea, disfrazándose todos os días polo anoitecer e percorrendo as casas da veciñanza solicitando as torradas e os freixós.

Bastaba con pórse roupa algo rara para non ser recoñecidos, unha careta feita de cartón, tea ou simplemente unha media de muller tapando a cabeza e a cara e xa estaba a troula armada para vacilar.
Ao final acabábanse descubrindo e celebrándoo todos coas frituras, filloas e unhas copas.
.
Nos bailes lucían as mozas preciosos vestidos confeccionados con moito esmero, traballo e pouco gasto.
Utilizábase papel de cores, tarlatana, unha especie de gasa de ton rosado, uns abelorios e moita imaxinación.

Logo non faltaban os líderes que organizaban as comparsas e disfrazados acudían ata a vender nabos ao mercado de Mugardos.

E ..., a parella de bonecos de tamaño persoal que eran: o Antroido e a Madama.

Entre estes personaxes, xa falecidos, que organizaban o Antroido chanteirés estiveron "O Moreno", "O Cané", "Moncho do Manxol", "Maseda" e xa para rematar e ata fai poucos anos "Lolo do Outeiro".
.
"Lolo" que era moi mañoso, fabricou unha parella de entroidos bautizados como "Nica" e "Boni" (Nicasia e Bonifacio).
Bonifacio en boa compaña, .....  ¡Viva o Antroido!


Eran articulados, con esqueleto de madeira e manexables.
E levaban mecanismos de exhibición que lles permitía mediante dispositivos, fumar e ouriñar.

Podíase bailar con eles mediante unhas ligas de goma que se puña nos pés da parella formada polo Antroido e calquera espontáneo que quixese botar un baile, porque se actuaba acompañados de grupo musical enxebre.
Foron o asombro da comarca.

Pois "Lolo e os seus raparigos" paseáronos por distintos pobos, acompañados de séquito no "Coche de Ramón García de Ares", autocar co que "Ramón", gran entusiasta de Chanteiro, colaboraba.
.
En anos sucesivos, alá pos os sesenta, saíron de Chanteiro, da Comarca e chegaron ata Sada, Betanzos e A Coruña chegando a actuar na praza de María Pita do concello coruñés para pasmo e xúbilo da xente que aplaudía e chegaba a parar a circulación de vehículos polas rúas por onde pasaba esta singular comitiva.

¡Que tempos!, e era con Franco.
.
¡Como disfrutábamos!, eses si que eran entroidos e sen necesidade de Bandos, Convocatorias, Concursos e Premios.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Entradas populares más vistas