miércoles, 6 de febrero de 2008

SOCIEDADE GANDEIRA DE CERVAS - Fermoso final centenario

Fermoso final centenario para a Sociedade Agrícola Gandeira de Cervás (Ares), unha das máis antiga de Galicia, fundada no ano 1899 co fin social de que os gandeiros tivesen aseguradas as súas vacas, que constituían o alicerce das economías familiares.


Contra as consecuencias da perda por morte ou enfermidade das súas cabanas reducidas. Xa que na maioría dos casos estaban constituídas por unha parella de vacas e outro par de crías de tenreiros ao ano que vendían para sacar algún diñeiro.

Outros moitos veciños de economía mixta tiñan soamente unha vaca.

Pero a morte dunha res supuña un golpe moi duro. Ás veces sentíase máis a morte dunha vaca que a dun familiar. ¡Así eran os tempos retratados por Castelao!

Ás veces as vacas eran "postas" por un dono ao que había que render contas das ganancias que proporcionaba a vaca: leite e crías. E ademais había que terlle o capital asegurado.

Entón ao estar asociado a Sociedade abonaba a perda do valor do animal, que era recuperado entre os socios en parte proporcional ao capital asegurado.

É dicir, que abonaba máis parte das perdas o que máis capital tiña asegurado.

O gando tiña que ser revisado cada tres meses por unha comisión de tres socios, que valoraban o prezo dos animais, taxados segundo os prezos do mercado e feiras.

Esta comisión denominábaselle a "revisora" e marcaba data e lugar onde debían acudir os socios coas súas vacas para valoralas. Outra "revisora" acudía polas casas para taxar o gando menor, as crías dos tenreiros.

Tamén se asumían os gastos veterinarios e de farmacia, aínda que non na súa totalidade, pois o propietario debía pagar unha parte, para evitar que houbese abusos de consultas non necesarias. ¡Igual que na seguridade social!


Co tempo foi diminuíndo a cabana gandeira e entón a sociedade transformouse en Cooperativa de Produtores do Campo (Listado 654 de CNAE), para facilitar aos asociados sementes e abonos a máis baixo prezo que o de mercado.

Nesta época xa máis recente foi cando se acometeu a construción dunha nave para almacenar e gardar os materiais. Así como tamén serviría de lugar de asembleas e reunións, do que antes se carecía.

Pero este local nunca chegou a estar terminado do todo. Coincidiu coa decadencia na zona da gandería e a agricultura precarias que chegou a desaparecer case por completo. Os socios fóronse dando de baixa e soamente aguantou unha mínima directiva que foi a que definitivamente liquidou a Sociedade coa venda da nave e a súa parcela.

Hai que recoñecer a boa vontade desta comisión liquidadora, a cal preferiu que os terreos pasasen a propiedade municipal antes de que a mans particulares, a pesar de ter algunha oferta maior que eses 90.000 Euros que pagou a Xunta para o concello de Ares.

Esta mesma oferta xa lla fixeron á anterior Corporación, sen que atopase receptividade.
Esta parcela da nave está unida á que ocupa a Escola de Preescolar (1561 m2.), tamén sen utilizar polo peche do Parvulario. Así toda esta extensión constitúe un lugar ideal para albergar calquera complexo multiusos en beneficio do concello de Ares.
Parabén ao alcalde Julio Iglesias e aos membros da sociedade cervasina.
¡Así se fan as cousas!
Os socios da Cooperativa de Produtores do Campo de Cervás fixeron entrega esta mañá ao alcalde de Ares, Julio Iglesias, das chaves da antiga nave, adquirida recentemente polo Concello grazas á achega económica da Consellería de Presidencia, que aportou os 90.000 euros nos que foi valorado o inmoble.
Precisamente o titular deste departamento da Xunta de Galicia, José Luis Méndez Romeu, acudíu ao CIRS de Cervás, lugar no que se desenvolveu o acto, para participar da entrega, na que tamén estiveron presentes o rexedor socialista e os integrantes do grupo de goberno así como a maior parte dos 23 representantes da cooperativa.
O primeiro en falar foi o socio máis antigo da entidade, Juan Manuel Doval, que fixo un breve percorrido pola historia da cooperativa, creada en 1899 como sociedade agrícola ganadeira e xa en 1969, como cooperativa. Tamén lembrou a orixe da nave, agora de propiedade municipal, que comezou a construirse en 1970 grazas á implicación dos socios, “que traballábamos os domingos e festivos”, e a decisión da xunta de vender os bens, o 12 de novembro de 2005.
Para o alcalde, “hoxe é un día moi especial xa que culminan uns contactos que se remontan a hai polo menos dous anos”. Iglesias subliñou a importancia histórica da sociedade, “cuxa extinción da certa pena”, e que ten un especial recordo para os vellos militantes socialistas.
Neste sentido, indicou que na sede do partido se falaba da época da República, na que se puxo en valor o traballo do campo, “e unha boa proba disto estaba aquí, en Cervás”. “Cervás é moi pequeño, pero tivo uns fillos moi valiosos que fixeron que presente unha fisonomía bastante moderna”, afirmou o rexedor, que engadíu de que o feito de que os bens da cooperativa foran vendidos ao Concello garante a pervivencia da súa historia. “Sexa cal sexa o servizo que se poña a disposición dos veciños na nave, sempre haberá unha esquiña, unha placa ou unha pequena sala na que se recolla a vosa historia, os vosos libros de actas e tesourería, para que ese legado poda chegar a tódolos aresáns”, destacou Julio Iglesias.Ademais, o alcalde quixo agradecer a aportación económica da consellería que preside Méndez Romeu, do que destacou o seu compromiso e a súa sensibilidade “persoal e política” cos concellos, como o de Ares, e as súas parroquias. “É o primeiro conselleiro que se achega ata esta esquiña e comparte con nós a incorporación ao patrimonio municipal dun ben que ten parte da historia desta parroquia”.
Pola súa banda, o titular deste departamento da Xunta asegurou que “Ares está de moda porque o seu alcalde é Julio Iglesias, cunha labor estratéxica e fundamental na Dirección Xeral de Xustiza durante os dous últimos anos, porque está sendo obxecto dunha atención preferente, como se constatou no Día Mundial da Arquitectura en Redes, e porque aquí se está grabando unha exitosa serie de televisión (Padre Casares, na TVG), na que se mostra un pobo con interese e futuro”.
Para José Méndez Romeu, que afirmou que “chegou a hora de Ferrol e da súa comarca, tanto no grande como no pequeño”, apuntou que a súa visita respondía a dúas finalidades. A primeira, a de rendir unha homenaxe ao que foi o cooperativismo agrícola e gandeiro, subliñando o feito de que os bens desta entidade vaian ser destinados a fins sociais. E, en segundo lugar, a de por de manifesto o xeito de actuar dos Concellos galegos, invertindo, como é o caso, na creación de equipamentos que melloren a calidade de vida de todos, ao marxe de vivir nunha zona máis ou menos poboada do municipio.
Despois da entrega ao Concello das chaves da nave e do reparto de agasallos –un reloxo para os 23 cooperativistas, a cargo do Concello de Ares, e unha figura dunha vaca, entregada polos socios ao conselleiro de Presidencia e ao alcalde-, os representantes políticos e da sociedade fixeron un percorrido polos terreos e o inmoble adquirido pola administración, para rematar o acto cun pincho no CIRS de Cervás.

1 comentario:

  1. Hola, primero queria consultarte si sabes que tu blog de la primera edición da un error al cargar la pagina ya que a mi me pasa lo mismo con uno mio desde hace una semana y no se porque es, si es fallo de blogger o de otra cosa ya que veo que hay más así en la red y segundo desearte un feliz año nuevo. Un saludo.

    ResponderEliminar

Entradas populares más vistas